Descripción
O vello e millonario Reale morre sen revelar a combinación da caixa forte onde atesoura unha inmensa fortuna; porén, deixa un criptograma de cuxa solución depende o destino final desta. De acordo coa vontade do finado, catro son as persoas autorizadas a resolver o xeroglífico. Así comeza unha carreira entre herdeiros non exenta de artimañas que Angel Esquire, membro de Scotland Yard, seguirá de preto.
A presente obra publicouse orixinalmente en lingua inglesa no ano 1908 (existe unha versión cinematográfica de 1919) e destaca por compendiar de maneira hábil moitos dos trazos característicos da narrativa de Wallace, un prolífico autor (de gran sona na época) que contribuíu a sentar as bases da novela negra clásica.
Na trama, artellada con flegma e humor, non faltan os elementos e tópicos habituais do xénero: afanosas pescudas, crimes e ameazas, dilemas éticos… Entre o fume dos cigarros e a nocturnidade, un romance serve de pano de fondo para un relato de gran viveza.