Descripción
A tolemia é unha novela realista de 1899 que, baseada nun feito real, a tráxica morte dun cliente de Oller, garda relación directa coas concepcións políticas e sociais que se derivan da revolución de setembro de 1868.
O narrador, que tamén é un personaxe desta historia, segue ao longo dos anos a vida de Daniel Serrallonga, unha estrambótica figura marcada polas súas veleidades políticas. Individuo teimudo, obsesiónase co xeneral Prim, un feito a raíz do cal chega a ser deputado nas Cortes de Madrid e mesmo trata de vingar o asasinato do militar. De maneira descontinua e fragmentaria, e a través de diferentes puntos de vista, exponse a progresiva
caída na loucura de Serrallonga, para asombro daqueles que o tratan, coma o avogado Armengol ou o médico Giberga, con opinións contrapostas ao respecto de tan arroutado personaxe. O retrato mestura humor, sarcasmo, linguaxe coloquial e doses de melodrama, acollendo así mesmo as teorías psicolóxicas en voga na época ao redor da tolemia, e incluso o determinismo practicado por Zola.
Ambientada en Barcelona e en Vilaniu –espazo que traslada á ficción a vila natal do autor–, nun arco temporal que abrangue dende 1867 até 1883, trátase dun relato naturalista que afonda no estigma da tolemia para acabar por cuestionalo, de aí o seu valor.