A editorial

Hugin e Munin, editorial fundada en 2011 e especializada na narrativa traducida, ten por obxecto introducir no mercado galego unha serie de títulos de literatura estranxeira de prestixio. O réxime de edición é aquel común aos clubs ou círculos de lectura, é dicir, está sustentado sobre unha base de subscritores que permita a publicación de oito libros ao ano, a razón de dúas obras por trimestre.

As literaturas inglesa, francesa, alemá e italiana, as literaturas nórdicas e as literaturas minorizadas son en principio os nosos campos de batalla; con todo e iso, tamén pescamos puntualmente noutras linguas e sistemas literarios, como o ruso, o xaponés, o croata ou o grego. A priori, non hai literatura que non nos interese. O mesmo reza para os xéneros: novela negra, de ciencia ficción, psicolóxica, de aventuras, realista, colonial etc. Escolmamos as obras en función só da súa calidade.

Así, comparten a colección Principal escritores como Raymond Chandler, Anita Brookner, Takiji Kobayashi, Bernhard Schlink, Siri Hustvedt, Arthur Schnitzler, Mary Wollstonecraft, Ioanna Karistiani, Isaac Asimov, Albert Camus, Gustave Flaubert ou August Strindberg… mentres que na colección Vólvense os paxaros contra as escopetas figuran autores como Guy de Maupassant, Mary Cholmondeley, Wilkie Collins, Milovan Glišić ou Johannes Kepler.

Tanto o deseño das cubertas coma o coido na revisión e a maquetaxe interiores dos libros son para nós elementos fundamentais da engrenaxe editorial. Este é un denominador común de ambas as coleccións; isto é, a colección Principal, de publicación periódica, destinada de maneira preferente aos subscritores, e unha segunda denominada Vólvense os paxaros contra as escopetas, na que pouco e pouco incluímos obras de narrativa que por algún motivo non encaixan co criterio fixado para a colección orientada aos subscritores; non por unha cuestión de calidade literaria, as razóns cómpre buscalas na extensión, na temática ou no formato.

Ferramentas

Afeitos e orgullosos da nosa condición de minoría, optamos polo uso do software libre e o código aberto. Entre as nosas ferramentas de traballo están por suposto programas de deseño e maquetación tal que GIMP ou Inkscape, mais tamén o sistema operativo Ubuntu, os editores de texto LibreOffice e sobre todo LaTeX e LyX ou a pescuda de iconas, imaxes e información nas bases de datos de DaFont, Flickr, Creative Commons e Wikipedia, nesta última coa énfase posta na rama galega, coñecida popularmente como Galipedia.

Descarga o catálogo

Se desexas ver ou descargar o catálogo completo en versión PDF tan só tes que premer na seguinte ligazón:

CATÁLOGO EDITORIAL (decembro 2011- xaneiro 2023)
Se traballas nunha libraría e desexas información acerca da forma de distribución e as condicións de compra, convidámoste a que te poñas en contacto connosco a través do formulario integrado na lapela “contacto” ou ben no enderezo de correo

editorial@huginemunin.gal

Libro de estilo

Guiámonos polas directrices, consignas e recomendacións que marca a Academia, e en paralelo recorremos seguido -sempre cun criterio xerárquico- a gramáticas e manuais de diversa autoría, así como tamén a dicionarios distintos do DRAG, como o Gran Xerais ou o Dicionario Cumio de expresión e frases feitas.

É de xustiza que aproveitemos estas liñas para pormos de relevo que existen na rede multitude de recursos de gran valor que calquera ten ao seu alcance, todo a un clic. Os nosos tradutores, dende logo, tíranlles proveito. Sen ir máis lonxe, os Recursos útiles listados polos editores da Wikipedia en galego resultan tremendamente interesantes á hora de enfrontar unha tradución (e tamén revisar un documento científico, legal, médico, administrativo etc.).

Por último, cómpre salientar tamén a adopción irrenunciable duns criterios clásicos de edición, a preferencia polas formas patrimoniais galegas, na fraseoloxía e no léxico, sempre cunha base filolóxica ben fundamentada e académica.