Descripción
O soño é unha obra de ficción escrita en latín en 1608 por Johannes Kepler, malia que só sería publicada de maneira póstuma, en 1634, grazas ao atrevemento de Ludwig Kepler, fillo do autor. O texto, que dá conta detallada tanto dunha fantasiosa xeografía lunar coma da visión que dende alí se ten da Terra, parte dun soño do escritor, no que aparecen unha nai e mais o seu fillo, Fiolxhilde e Duracotus, ambos os dous islandeses, que acceden a eses insólitos coñecementos siderais grazas á mediación dun xenio e a un conxuro máxico realizado por ela, Fiolxhilde. Ben, pois este sinxelo argumento foi usado na vida real polas autoridades para acusar a nai de Kepler, Katharina Guldenmann, de practicar a bruxaría, o cal motivou que fose encarcerada e torturada e obrigou o seu fillo a librar mil batallas para conseguir que saíse da cadea.
Trátase dunha obra técnica e non demasiado fluída (cunha historia dentro doutra, e esta dentro doutra; ao modo das bonecas rusas), pois é a escusa da que se valeu Kepler para divulgar os seus postulados científicos e non tanto para se erixir nun literato; este Somnium sive Astronomia lunaris Johannis Kepleri ha de facer con certeza as delicias dos incondicionais da astronomía e, por que non, tamén dos amantes da historia e dos lectores curiosos en xeral. Atesoura, por outra banda, un valor enorme o extenso caderno de notas do propio autor (que triplica a extensión do relato como tal), con pingüe información de absoluta relevancia histórica. Como xa lles sucedera a Plutarco ou a Luciano de Samosata, tamén Kepler foi imbuído polo magnetismo lunar, e, igual ca eles, non dubidou en plasmar sobre o papel a súa fantasía, que hoxe, catro séculos despois, sae publicada nunha coidada tradución ao galego.